Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MUDA TAMÉN O RESPONSÁBEL DE SANIDADE

Pinto Ribeiro substitúe á criticada ministra de Cultura en Portugal

Nacido en Mozambique, tomará posesión do seu novo cargo este mércores ao mediodía.

Redacción - 13:30 30/01/2008

A xestión de Isabel Pires de Lima á fronte do Ministerio de Cultura durante os últimos tres anos xerou críticas e malestar entre artistas e intelectuais, moitos deles próximos ao propio Partido Socialista no poder. Foi estes antagonismo o que finalmente provocou o cese da ministra e a súa substitución por Pinto Ribeiro, que este mércores tomará posesión como novo responsábel da política cultural do país.

Foi moi criticada por exemplo a ausencia da ministra na inauguración dun monumento en honra de Miguel Torga (no ano en que se comemorava o centenario do escritor) e na exposición dedicada a José Saramago en Lanzarote. Tamén foron moi comentadas as demisións dos directores do Teatro Nacional D. Maria II (António Lagarto), do Teatro Nacional de São Carlos (Paolo Pinamonti) e da directora do Museu Nacional de Arte Antiga (Dalila Rodrigues).

A comezos de xaneiro medio milleiro de artistas e intelectuais asinaban un manifesto online no que pedían a dimisión de Pires de Lima, ao tempo que eloxiaban a xestión realizada por Manuel Maria Carrilho entre 1995 e 2000, durante o goberno de António Guterres.

Así as cousas, José António Pinto Ribeiro será o novo ministro de Cultura de Portugal. Nacido en Mozambique, e licenciado en dereito, desenvolveu a súa actividade profesional como avogado da banca, sendo coñecido publicamente polo combate polos dereitos cívicos en Portugal. É amigo persoal de Mário Soares e está ligado ao PS, aínda que nunca participou na política activa. Fala seis linguas, entre elas o inglés, o francés, o alemán, o español e o italiano. Pinto Ribeiro fíxose célebre, igualmente, por defender o ‘gato fedorento' José Diogo Quintela cando este foi collido nun exceso de velocidade no primeiro dia do ano.

Cambio no Ministério da Saúde
O cambio ministerial tamén afecta ao ministro de Sanidade. Correia de Campos foi substituído por Ana Jorge, de 58 anos e actual directora do servizo de pediatria do Hospital Garcia de Orta, em Almada. A xestión de Correia de Campos tamén fora moi criticada.


  • 5 / 5
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: