A través da pintura, da fotografía, do vídeo e das instalacións, seis artistas farán chegar a Portugal as producións máis vangardistas do noso país.
Antía Moure
Antía Moure, Itziar Ezquieta, Nano 4814, Pablo P. Sanmartín, Patricia Dopico e Rita Rodríguez son os nomes dos seis artistas galegos que levarán até a vila de Cerveira as tendencias que se están a producir no noso país. A exposición LatexoS inversos, supón un paso máis no intercambio de cultura que se está a producir entre as dúas zonas e ten como propósito profundizar nas relacións culturais entre os artistas portugueses e os galegos.
A iniciativa xorde como consecuencia do intercambio cultural entre a Câmara Municipal de Cerveira e o Projecto-Núcleo de Desenvolvmeneto Cultural, xunto cun grupo de creadores galegos. O Forum Cultural de Cerveira será o lugar escollido para instalar a exposición, que poderá verse dende o 26 de xaneiro ao 15 de marzo.
Co fin de continuar fomentando as relacións de Galiza co Alto Miño portugués, o contacto entre os artistas das dúas zonas continuará durante 2008 e xa se está a preparar unha mostra equivalente de artistas portugueses en Galiza, prevista tamén para este ano, que terá como escenario as cidades de Ourense ou Vigo.
Unhas pinceladas de LatexoS inversos
A exposición, comisariada por Saleta G. Carnero, nace como un xeito de achegarse á arte realizada por unha nova xeración de artistas galegos nada entre 1975 e 1981. “A través dos latexos inversos de creadores tan próximos no tempo como distantes na súa poética artística”.
Conformada por videocreacións, serigrafía, instalacións ou fotografía, entre outras modalidades artísticas, o repertorio de LatexoS inversos segue un fío condutor: transmitir a atención ao invisíbel, aos grandes temoas como son os sentimentos, os recordos e as experiencias persoais, que están contidos nos pequenos momentos diarios. Queren mostrarse sen versos, ao alcance do espectador.