Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Apróbase o acordo coa empresa Abeconsa

O último pleno do ano en Ferrol asina a fin do edificio que pretenderan chantar na Praza de España

Sairalle caro ao Concello, pero a polémica construción de 21 metros de altura impulsada polo anterior equipo de goberno, de PP e IF, non irá finalmente adiante.

Redacción / EP - 09:30 28/12/2007

A resolución chega despois de que se estabelecese en case 8 millóns de euros a contía que a empresa debería percibir polas obras xa executadas na praza. Esta cantidade será achegada en dous prazos. O primeiro, cunha partida de 5,2 millóns de euros, abonarase antes de finais de ano e procede da subvención concedida por Política Territorial ao Concello en concepto de humanización de barrios.

O segundo prazo fixa uns 2,7 millóns de euros, a aboar no primeiro semestre de 2006, e que o goberno local espera que achegue a empresa á que se lle adxudique a explotación, como zona deportiva ou de balneario, do espazo que xa está construído baixo rasante.

En declaracións a Europa Press, o concelleiro de Urbanismo, Anxo Mato, indicou que con este paso "empézase a consolidar a realidade de que o goberno local non ía permitir a construción dese edificio de 21 metros de alto". Mato destacou que o goberno actual fose capaz de resolver o conflito sen "comprometer" en exceso o erario público municipal. Por iso, subliñou que se produce "o primeiro paso para resolver un problema que leva tantos anos sen solución" e cualificou a xornada de "día de felicidade para todos".

Longo conflito
As obras da Praza de España iniciáronse en 2002 coa construción dun aparcamento subterráneo que provocou a retirada da estatua ecuestre de Franco que se atopaba no lugar. A reforma quedou inconclusa e foi retomada na seguinte lexislatura, na que o PP e IF impulsaron un proxecto que supuxo a adxudicación a Abeconsa da reforma da praza e a construción dunha vía subterránea, a cambio da construción e explotación comercial dun edificio de 21 metros de altura.

No entanto, a principios deste ano, a Dirección Xeral de Urbanismo de la Xunta reclamou a paralización do edificio, por "ilegal" e "ilegalizábel" ao se aprobar en contra do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A paralización, demandada tamén en distintas mobilización cidadás durante este ano, só foi executada tras o cambio de goberno. Na xornada deste xoves, alén do goberno de coalición de PSdeG e Esquerda Unida, votou tamén o BNG a favor de resolver o asunto nesta forma.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: