A ministra de Medio Ambiente cre que leis como as que aprobou a Xunta para restrinxir as construcións na beiramar son un paso importante para evitar problemas futuros.
Galiza é unha das comunidades que máis pode sufrir unha elevación do nivel do mar como consecuencia do cambio climático. A ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, fixo estas declaracións aos medios de comunicación na Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático que se está a celebrar en Bali. Diante dos xornalistas, Narbona felicitou á Xunta por ter sacado adiante unha lei que restrinxe as construcións na beiramar xa que o cambio na fisonomía da costa pode ser “especialmente importante no caso de Galiza”.
Por outra parte, Narbona subliñou que o goberno español está comprometido na loita contra o cambio climático. Como exemplo disto lembrou que a partir do vindeiro mes de xaneiro vaise modificar o imposto de matriculación para gravar os vehículos segundo o grao de emisión de CO2. Porén precisou que é preciso “apretar o acelerador” nos vindeiros anos para cumprir en 2012 co protocolo de Quioto.