A rede presuntamente operaba a través do porto da cidade. A operación, en marcha dende o pasado 31 de agosto, continúa aberta.
A presunta rede de contrabando operaba no Porto de Vigo
Oito persoas, das que cinco son axentes da Garda Civil, foron detidas en Vigo por un presunto delito de contrabando de tabaco. A rede operaba a través do porto da cidade. A operación, en marcha dende o pasado 31 de agosto, mantense aberta, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Subdelegación do goberno español en Pontevedra.
O xornal Faro de Vigo informa este venres da detención dos axentes, destinados nos Servizos Fiscais do Porto de Vigo. A operación policial levárona a cabo membros dos Servizos Centrais da Garda Civil en Madrid, que están a tratar de determinar o alcance internacional da rede delictiva.
Tres dos axentes -E.C.F., X.A.C.F. e X.E.E.O.- ingresaron xa en prisión por orde da titular do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, onde prestaron declaración. Todos son gardas con varios anos no mesmo destino. Un cuarto axente permanece ingresado nun hospital xa que semella sufriu unha arritmia cando foi detido. O resto dos detido quedaron en liberdade tras comparecer perante a xuíz.
As dilixencias xudiciais abríronse por un delito de contrabando, aínda que non se descarta un posible suborno. No caso de que a investigación emprendida por Asuntos Internos da Garda Civil confirme outras supostas corruptelas administrativas dos funcionarios, a imputación poderíase ampliar.