Hai poucos días, e unha semana antes de cumprirmos o cuarto mes desde o redeseño de Vieiros, sumamos mil usuarios rexistrados.
Comentar as novas, introducir informacións no OpenVieiros ou iniciar debates, son de momento as principais posibilidades para os internautas rexistrados en Vieiros. Un milleiro de internautas deron xa o paso.
Reserva xa a túa identidade en Vieiros no espazo de rexistro!
OpenVieiros: a noticia pola ti
O sistema é moi simple. Antes de nada: debes ser usuario rexistrado en Vieiros, ter un "Vieiros de meu".
Para introducir a túa noticia, o primeiro paso é premer na opción "Enviar unha nova", que ves no cabeceiro. Aí entras nun editor moi sinxelo onde verás tres caixas: Título, Entradiña e Texto. Na parte de arriba de cada unha delas tes unhas ferramentas para poñer negriñas, cursivas, subliñados ou poñer links. Abaixo tamén están as correspondentes caixas a través das cales adxuntar fotografías ou documentos. En canto teñas o texto listo, preme o botón "Enviar".
Na portada do Open Vieiros verás dúas columnas. Á dereita as informacións segundo van chegando ao editor. Á esquerda, as que van pasando a portada. A redacción de Vieiros encárgase de actualizala varias veces ao día.
E agora: os debates
En probas desde a pasada noite electoral, a pé do Open Vieiros achegámosvos agora outra ferramenta. Calquera internauta rexistrado pode propoñer asuntos para a discusión. De xeito moi simple, con só premer no apartado "Iniciar debate" un formulario pídevos un título, afirmación ou pregunta, e unha breve explicación. Automaticamente, a proposta de discusión aparece visíbel para o resto de participantes.