Vinte e catro actuacións encherán a capital de Galiza de arte en movemento en contacto directo co público.
A fin de semana do 22 ao 24 de xuño Compostela celebra a duodécima edición de En Pé de Pedra. O festival internacional de danza para paseantes contará con 24 actuacións e sete estreas de compañías e intérpretes que chegarán dende Xapón, Cataluña, Portugal, Madrid, Canarias, Austria, Francia e tamén, por suposto, de Galiza. A semana seguinte desenvolverase un obradoiro de danza.
En Pé de Pedra é un festival anual de danza en Compostela, que se realiza principalmente ao aire libre. Durante o día sucédense representacións en diferentes espazos, que se redescobren para o público e para o paseante. O marco arquitectónico da cidade serve de escenario e as rúas e prazas como espazo para a representación. É unha festa en que o espectador entra en contacto directo co intérprete.
Como cada ano, o festival trae á cidade distintas correntes da danza contemporánea a xeito de intercambio cultural internacional. Desta volta, dous dos espectáculos representaranse en espazos teatrais: o Salón Teatro e o Teatro Galán. Ademais das rúas e as prazas, o plató da Facultade de Ciencias da Comunicación e a Igrexa da Universidade converteranse en escenarios do festival, que se desenvolverá en once espazos diferentes.
A programación ábrese o venres 22 ás cinco da tarde cunha estrea na Praza das Praterías. A xaponesa Hisako Horikawa escenificará Salty, empty, windy. Unha hora despois, o grupo catalán Caperucita poco animal preséntase en Galiza, en San Martiño Pinario, con Back. A actuación repetirase o domingo ás seis no Parque da Música.
Tamén o venres, ás sete, na casiña de pedra do parque de Bonaval, os cataláns Raravis ofrecerán o espectáculo Despacito, e recuncarán o sábado ás cinco da tarde. A mesma sexta feira, a portuguesa Ana Martins estará ás oito na Sala Galán para presentar, en primicia para todo o estado, Subterrâneos do corpo, que repetirá o sábado ás dez da noite no mesmo espazo. No Salón Teatro, ás nove e media da noite do venres, Daniel Abreu poñerá en escena Ojos de pez, que se poderá ver de novo o domingo ás sete.
A primeira xornada de En Pé de Pedra pecharaa ás once da noite, no parque de Bonaval, o grupo canario El Bailadero, que estreará Impregnaciones en la Sta. Nieve y Guitarra. Verase de novo o domingo ás dez e media.
No sábado haberá dobre cita austríaca. Akemi Takaya presentará en Galiza, ás sete e media na Facultade de Ciencias da Comunicación ZZ, e repetirá o domingo ás cinco. O sábado ás oito, non moi lonxe de alí, no Parque da Música, o grupo Tanzverein Erdberg presenta, en exclusiva para todo o estado, Schmeichel: Abbau und Fluss III.
Dende Francia, DACM ofrecerá I apologize na Igrexa da Universidade o sábado ás oito e o domingo ás nove. O sábado á noite, ás once, a Praza das Praterías acollerá o espectáculo Puro e duro, coas actuacións en solitario e de estrea de cinco artistas: de Galiza Uxía Vaello, Estela Lloves, Diego Anido e Anuska Alonso, e de Canarias Laura Marrero.
A xornada do domingo, ademais de ter a segunda oportunidade de ver representacións dos outros días, Hisako Horikawa estreará Whistle at the path 09 no Paseo de Bóveda da Alameda ás nove e media da noite. O peche de En Pé de Pedra 2007 farano, á medianoite na Praza da Quintana, Tanzverein Erdberg e a Charanga Illa Brass.
Pero a danza non rematará o domingo, pois a seguinte semana, do 26 ao 29 de xuño, Akemi Takeya impartirá un obradoiro como actividade complementaria.