Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Na base da "milagre" económica

Inmigración, a nova cara de Irlanda

Do déficit demográfico a ser un dos países máis novos. Do atraso económico, a un dos mercados máis atractivos. Cóntanolo María Golpe desde Irlanda.

María Golpe - 08:00 14/06/2007

A República de Irlanda pasou de ser un dos países destinatarios dos Fondos de Cohesión da Unión Europea a primeiros dos 90 a ser unha das economías máis atractivas para os traballadores dos novos estados membros, do déficit demográfico a ser un dos países máis novos de Europa.

O 10% dos pouco máis de catro millóns de habitantes (1,5 millón deles vivindo na capital Dublín), son inmigrantes. Segundo os datos da CSO (a oficina central de estatísticas irlandesa), case a metade deles (o 43%) proveñen dos 10 novos membros da Unión Europea, que se uniron en maio do 2004.

A comunidade inmigrante máis visíbel na República é a polaca, que supon o 26% total dos inmigrantes en Irlanda.

En pouco máis de dous anos dende o acceso de Polonia á Unión Europea, o polaco converteuse no segundo idioma máis falado na república (despois do inglés) e a polaca pasou a ser a segunda comunidade inmigrante máis grande do país, despois da británica. As tendas de produtos polacos non son simplemente unha visión común na capital. Tradicionalmente, as vilas irlandesas tiñan dous estabelecementos imprescindíbeis: o pub e a oficina de correos. Hoxe, hai que engadir tamén as tendas polacas.

O ‘Evening Herald’, o diario da tarde de Dublín, ten a sua propia edición polaca ‘Polski Herald’ e a canle de TV por cable da cidade, ten tamén o seu programa matutino dedicado á poboación polaca que habita na capital.

Agnieszka Cebulak é polaca, e chegou a Arklow, Condado de Wicklow, hai dous anos. “Tiña traballo en Polonia antes de vir pero o salario era moi malo, por iso decidín vir. Meu irmán xa estaba aquí,” explica. Gústalle Polonia e o estilo de vida que tiña aló, pero a situación laboral empuxouna a marchar. “Os polacos que viven en Irlanda teñen todos motivos diferentes para deixar o país. Hai moita xente maior que están aquí simplemente por motivos de cartos, queren traballar e mandarlles cartos ás suas familias en Polonia. Pero tamén hai moitos estudantes e licenciados que queren aprender inglés e aforrar algo para regresar a Polonia.”

Aparte do seu irmán, que vive no Norte de Irlanda, súa curmá Marta tamén vive en Arklow e unha das suas irmás vive en Inglaterra. Os Cebulak son os ‘desertores do paí’ aos que se refería o primeiro ministro polaco na súa visita a Escocia hai uns meses, novos cualificados cambiando Irlanda por Gran Bretaña e Irlanda.

O mozo de Agnieszka, Axel Lundell, é un arqueólogo do sur de Suecia. Axel cambiou Lund por Irlanda hai tres anos por motivos estritamente profesionais. Segundo Lundell, atopar traballo de arqueólogo en Suecia non é unha tarefa sinxela. “O traballo de arqueoloxía en Suecia é moi estacional, só existe nos meses de primavera e de verán. Aquí teño traballo, en Suecia non. Esa é a diferenza. Os salarios son probablemente semellantes, pero aquí é simplemente fácil atopar escavacións,” engade.

Axel e Agnieszka son dous dos tantos licenciados europeos vivindo e traballando en Irlanda. Son a xeración da mobilidade intra-europea, para os que Skype e Ryanair son os recursos máis prezados, pero son tamén pezas da engrenaxe que fixo de Irlanda un dos países máis multiculturais de Europa (e nun tempo récord).


  • 3,91 / 5
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
3,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: