Desde o pasado 17 de maio o Centro Galego de Rosario mantén aberta unha convocatoria literaria. Paradoxalmente, as bases admiten só textos en "lengua castellana".
Trátase do Primeiro Concurso de Conto convocado pola entidade baixo a denominación "Raíces gallegas". Está aberto á participación de socios e non socios da institución, de trece anos de idade en diante, e as bases estabelecen que o tema debe ter "expresa vinculación con Galiza, no contexto das súas catro provincias: a súa natureza, as súas costas, as súas paisaxes naturais, as súas rías, a idiosincrasia do seu pobo e as vivencias que poidan atesourar os participantes, recollidas por relatos dos seus ancestros, a súa gastronomía, o seu rico mundo das letras, as súas artesanías, entre outros".
A convocatoria lanzouna o Centro Galego de Rosario coincidindo co Día das Letras o pasado 17 de maio e o prazo de presentación de traballos remata o 29 de xuño próximo. O fallo do xurado faise público o Día da Patria, o próximo 25 de xullo. E paradoxalmente, as bases inclúen no seu punto terceiro que alén de seren inéditas e non enviadas a outros concursos, as obras presentadas "deben estar escritas en lingua castelá".