A institución dálle unha voltiña ao seu espazo web, organiza contidos, abre a primeira posibilidade de interacción co cidadán e convida os deputados a abriren blogs.
Os proxectos de lei sobre a Policía de Galicia, de modificación da función pública, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio ou a do banco de terras, son as iniciativas lexislativas sobre as que calquera internauta pode opinar na web do Parlamento. Sobre todas estas leis, agora mesmo en trámite na cámara, os cidadáns poden deixar as súas reflexións na web. É a primeira e de momento única forma de interacción entre Parlamento e cidadáns a través de internet.
O redeseño presentado este venres tamén inclúe a posibilidade de que os cidadáns se subscriban a boletíns temáticos sobre áreas concretas. Dese xeito, poden recibir de entre toda a información xerada pola institución poden escoller se queren estar ao tanto do que se fala sobre asuntos económicos, educativos ou outra ducia de áreas posíbeis. Tamén se poden recibir escolmas das comparecencias en comisións e pleno, de preguntas orais e escritas, interpelacións e outras actividades parlamentarias.
Aínda que con gralla lingüística incluída, "A presidenta te escoita" ou "A deputada te escoita", o espazo persoal de cada parlamentario inclúe aí a ligazón directa á caixa de correo onde os cidadáns lle poden deixar as súas queixas ou peticións e tamén unha escolma de novas relacionadas. Por certo, de momento só os deputados de PPdeG e PSdeG completaron ese espazo, de onde aínda están ausentes os do BNG. Ademais cada un dos deputados pode manter o seu propio blog dentro da web da institución, aínda que en todo caso a súa ficha inclúe ligazón ás webs persoais que poidan ter. De momento, os deputados, achegáronse timidamente á ferramenta proporcionada pola institución. Varios deles introduciron textos de benvida a xeito de primeiro post. Algúns como o popular Manuel Ruíz Rivas aproveitaron o espazo a xeito de arquivo de notas de prensa. Por outro lado, os grupos parlamentarios teñen tamén o seu espazo común, coa actualidade xerada por cada un deles.
Por outro lado, a nova web, redistribúe e organiza a información que xa viña incluíndo até o de agora, con maior destaque para a actividade diaria. Permanece tamén a posibilidade de seguir en directo as intervencións en comisións e plenos.