A Asemblea Local de Galiza Nova na capital catalá vén de estrear un novo sitio web dirixido á mocidade nacionalista emigrada nos Països Catalans.
A asemblea local da mocidade do BNG en Barcelona foi constituída como tal a inicios do 2006. Con esta estrea a organización xuvenil nacionalista presenta un espazo no que pretende amosar a liña e maila acción política e social que levan a cabo dende a chamada "Comarca da Emigración". Ademais, este sitio web está chamado a ser un referente entre os mozos nacionalistas que, por unha razón ou outra, tiveron que emigrar.
Asemade, é un paso máis cara á normalización da libre manifestación política dentro da emigración. Aínda así, dende Galiza Nova Barcelona, como se mostra a súa web, inícianse todo tipo de campañas relacionadas coa mocidade e con tódolos actos galegos en Catalunya, sexan relacionados ou non co mundo da política.
En conclusión, podemos dicir que é un novo portal, neste caso enfocado cara ó pluralismo político e de manifestación social, dirixido cara á mocidade nacionalista emigrada nos Països Catalans.