O vertedoiro cercedense da Areosa acumula xa máis de dous millóns de toneladas de lixo
Vista aérea de Sogama
As asociacións ecoloxistas e maila Consellería de Medio Ambiente coinciden nun punto: o modelo de xestión de Sogama como única saída ao refugallo urbano é un fracaso. A planta de Cerceda só é quen de tratar unha parte do lixo que chega até as súas instalacións. Mentres, no mesmo municipio segue a medrar o macrovertedoiro da Areosa, que xa acumula 2,2 millóns de toneladas de desperdicios.
A situación en Cerceda é límite. Sogama dalle servizo a 265 municipios galegos, que xeran ao ano un millón de toneladas de lixo. A planta de Cerceda é quen de tratar, no mellor dos casos, 550.000 toneladas. A situación obriga a acelerar un novo plan de residuos. O obxectivo a curto prazo é buscar unha fórmula para tratar o lixo do sur de Galiza e aliviar así as instalacións cercedenses.
A incineración queda descartada
Os ecoloxistas sinalan que a Consellería de Medio Ambiente confirmoulles hai poucas semanas que non se volverá apostar pola incineración, nin sequera pola polémica gasificación por plasma. O Goberno Galego sabe que unha nova Sogama tería unha resposta social considerábel onde queira que se propuxese o seu emprazamento.
Un dos camiños máis probábeis semella ser o da compostaxe. Aínda que as organizacións ecoloxistas apoiarían esta decisión, tamén poñen as súas obxeccións. Fins Eirexa, representante de Adega, sinalaba este mesmo martes que a solución non pasa por unha “megaplanta” de compostaxe. Pola contra, opina que a solución idónea está nas políticas de redución e nunha rede de plantas de compostaxe en todo o sur de Galiza.
Segundo esta fórmula, cada área metropolitana contaría cun centro propio para tratar o refugallo. No caso dos municipios rurais e vilas tenderían a agruparse até conformar unha poboación de 50.000 veciños, que é o número mínimo que se estima para que pague a pena unha planta. Porén, a Administración non descarta, nin moito menos, unha única planta para todo o sur. A centralización ou descentralización do tratamento semella que vai ser o gran cabalo de batalla entre Goberno e asociacións de ecoloxistas nos vindeiros meses.
O que hay que facer e disminuir os residuos, e para iso non hay mais que voltar a evitar tantos envase e envoltorios, que o único que fan e encarecer os productos.
Usar reutilizables...; xa sei e me dirán que hoxe ninguen quere unha garrafa reutilizada de cerveja, mais habrá que reaproveitalas pois, ¿ canta energía se desperdicia voltando a fundir o vidro das garrafas usadas, cada vez que se utiliza unha sola vez ?.
E despois fálase de cambio climático e aquencemento global..., cando o único que se está a facer e todo un derroche de enerxía...en esta sociedade de consumo desaforado...
Reducción, Reutilización e Reciclaxe.