Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
DUAS EXPOSICIÓNS COMPLEMENTARIAS NO CENTRO GALEGO

'Mulleres' e 'Puntos de reflexión: as violencias contra as mulleres'

O xoves 22 inaugúranse no Centro Galego de Barcelona dúas exposicións conxuntas con temáticas ao redor da muller. A primeira, feita en Galiza, amosa mulleres que destacaron polo seu traballo en diferentes campos; a segunda, feita en Catalunya, trata as diversas formas de violencia contra a muller.

Xabier Paradelo - 11:00 21/03/2007

Mulleres, elaborada o ano 2000, conta nos seus méritos ser froito do traballo conxunto do profesorado e o alumnado do IES María Casares de Oleiros. Co pretexto do nome do instituto -María Casares, actriz internacional-, en trinta e catro plafóns preséntanse a mulleres que destacaron nos campos da ciencia, as literaturas, a arte, o teatro...

Desde a súa primeira instalación no instituto de secundaria, a exposición non parou de percorrer centros de ensino, centros cívicos e locais de entidades culturais de todo o territorio galego. Esta é a primeira vez que sae de Galiza.

Punts de reflexió: les violències contra les dones, confeccionada polo Institut Català de les Dones, ten o obxectivo de provocar a reflexión para desfacer prexuízos e facer visíbeis as discriminacións sobre as mulleres, coma primeiro paso para mudar a cultura da violencia pola cultura da paz entre as relacións sociais e persoais. Baixo esta premisa, expón diversas formas de violencia: a violencia estrutural, nas relacións afectivas, a sexual, en tempos de guerra, as mafias explotadoras, o acoso, tradicións que comportan violencia...

As dúas exposicións son complementarias. Mulleres fai un percorrido histórico por personalidades como María Caetana Agnesi, Margarita Salas, Eileen Collins, Concepción Arenal, Federica Monseny, Artemisia Gentilleschi, Maruja Mallo, Mercè Rodoreda, María Casares.... Punts de reflexió: les violències contra les dones formula unha reflexión sobre os tipos de violencia que padeceron e padecen as mulleres.

Inauguración das exposicións conxuntas
- Mulleres, do IES María Casares de Oleiros.
- Punts de reflexió: les violències contra les dones, do Institut Català de les Dones.
Xoves 22 de marzo, ás 19 h, na Sala Francisco Ferrío
Até o 9 de abril de 2007

Centro Galego de Barcelona

Rambla Caputxins, 35-37, 08002 Barcelona
Tel.: 93 301 28 92


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: