Este xoves vai unha semaniña do día en que o equipo de Vieiros fixo unha maratón nocturna para sacar á luz este novo formato que agora navegades. Facemos balance.
Once anos de Vieiros
O resumo deste pequeno treito é moi positivo. Reparando por exemplo nas estatísticas, vemos que algo máis de 19 mil internautas se achegaron o venres día 9 de marzo a botarlle un ollo ao novo Vieiros. Unha cifra significativamente superior aos 14 mil que como media viñan visitándonos até esa semana. Ademais, aumentou especialmente o número de páxinas que alén da portada visita cada persoa.
Na caixa de correo recibimos tamén moitos parabéns e, máis importante aínda, algunhas recomendacións, propostas e críticas que nos axudan a perfeccionar o traballo aínda en proceso. Ademais, moitos xa tedes o "voso Vieiros", a vosa identidade persoal na comunidade, que permite de momento participar no chat ou comentar as informacións e artigos de opinión.
Grazas a todas e todos!