Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DECRETO E A OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO , PRIORITARIOS

A normalización lingüística centra a xuntanza de Educación coa CIG-Ensino

Este mércores reuníronse unha delegación da CIG-Ensino integrada polo secretario nacional, Anxo Louzao, e os membros da Executiva, Marta Dacosta, Suso Bermello e Consuelo Campos, coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón e o secretario xeral da Consellaría, Benito Fenández. Nesta xuntanza, a CIG-Ensino presentou varias propostas, destacando a necesidade de reforzar os ámbitos de negociación, e fixar un calendario para materializalas. Ademais, Louzao solicitou un avance do estado das negociacións cos diferentes grupos parlamentarios con respecto ao novo decreto de normalización lingüística. O secretario nacional de CIG-Ensino salientou que o proxecto de decreto "suporía un avance importante" no eido do ensino en galego. Contempla a formación do profesorado e a incentivación dos equipos de normalización lingüística como medidas fundamentais de cara á galeguización do ensino.

- 17:22 10/01/2007
Tags:

Dende a consellería, houbo moita receptividade de cara ao compromiso da formación do profesorado, de xeito que supere os mínimos estabelecidos no Plano de Normalización aprobado no Parlamento na lexislatura anterior. Anunciou tamén a próxima oferta pública de emprego destinada ao profesorado, na que se convocarán un número maior de prazas e terán cabida máis especialidades que na oferta do ano pasado.

Ademais, a CIG-Ensino puxo sobre a mesa temas como a reforma dos cadros de persoal, ou o desenvolvemento da LOE (currículos, carga lectiva das materias, nomeadamente Tecnoloxía, e Regulamentos Orgánicos dos Centros Docentes). A Conselleira afirmou que está prevista unha futura negociación nestes campos, e tamén de cara ás melloras para a xubilación anticipada e as condicións de traballo do profesorado itinerante. A longo prazo, pénsase nunha Lei das Universidades Galegas, a Lei do Sistema Educativo Galego e a elaboración do Estatuto Docente Galego. Mais tamén alegou dificultades orzamentarias con respecto a outras propostas da CIG-Ensino: no tocante á mellora das retribucións, e ao cobro xeralizado do complemento de especial dedicación ao centro e do nivel 24 para o corpo de mestres. Neste senso, a Consellería e a CIG Ensino coincidiron na necesidade de reclamarlle ao MEC a transferencia global de 60 € para todo o profesorado. O Ministerio está á espera de negocialo coas comunidades autónomas.

Houbo outras propostas da CIG que se contemplan xa a longo prazo por parte da Consellería: a estabilidade e mellora salarial do profesorado interino, adopción doutras melloras retributivas ou a modificación do regulamento da xornada única.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: