Dous anos despois do cancro, na edición de 1999, Lance Armstrong gañaba o seu primeiro Tour de Francia, iniciando o seu liderado á fronte do pelotón internacional con vitoria en catro etapas e o primeiro posto en París. Non sería até un ano máis tarde cando os controis anti-dopaxe iniciasen a detección da EPO, sustancia prohibida para os deportistas. Segundo o xornal francés L'Equipe, a análise das mostras gardadas amosan que o ciclista estadounidense tomou aquel ano EPO.
"A mentira de Armstrong" é título da información que este martes aparece na portada do prestixioso diario deportivo francés. Segundo as fontes do xornal, o Laboratorio Nacional de Detección da Dopaxe analizou as mostras de urina dos ciclistas que pasaron aquel 1999 polos controis médicos da carreira e que permanecían conxeladas, e concluiu que nunha ducia delas confirmábase que o deportista consumira EPO. A metade destas mostras corresponderíanlle ao xa ex ciclista estadounidense Lance Armstrong, que aquel ano venceu no Tour. O resto permanecerían sen identificar.
A EPO é unha hormona que aumenta o rendemento muscular en porcentaxes espectaculares, incrementando a cantidade de glóbulos vermellos da sangue do deportista. En 1999 os controis contra a dopaxe aínda non detectaban esta sustancia, non sendo ata un ano posterior, na Olimpíada de Sidney de 2000 cando as análises iniciaron o control da EPO.
Na web oficial do corredor recóllense este martes unhas declaracións onde asegura que "nunca tomei drogas para mellorar o meu rendemento", ao tempo que cualifica de "caza de bruxas" a información do diario francés.
L'Equipe asegura que as probas xa lle foron enviadas á Axencia Anti-dopaxe dos Estados Unidos para que tome as medidas que considere oportunas de acordo coas normativas daquel país.