SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 (EUROPA PRESS)
O grupo Milladoiro ofrecerá hoxe, no marco das Festas do Apóstolo 2008, un concerto na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, acompañado da fadista Mafalda Arnaud para festexar o Día Grande de Galicia.
A formación galega realizará, a partir das 23.00 horas un percorrido polos seus grandes éxitos e presentará na actuación novos temas do seu último traballo, 'A Quinta das Bágoas'.
No novo traballo, Milladoiro sinala a relación amorosa entre Dona Inés de Castro e o infante Don Pedro e a relación entre Galicia e Portugal.
Na xornada de mañá 26 de xullo ás 23.00 horas, tamén na Quintana, terá lugar a actuación dos brasileiros Toquinho e María Creuza. Os dous artistas evocarán os mellores momentos da bossa nova.
Ademais, no concerto renderán unha homenaxe ao compositor Vinicius de Moraes, figura capital da música brasileira contemporánea con quen formaron un trío en 1970.